content top
Gañadores do 2º Certame do Local de Música de Pontevedra. FEST 2013

Gañadores do 2º Certame do Local de Música de Pontevedra. FEST 2013

Crónica do diario dixital Pontevedra Viva por Alejandro Espiño:

Thee Blind Crows e Gonzalo Arca, triunfadores dun Fest 2013 que superou todas as expectativas

“O Fest 2013, o II concurso de bandas do Local de Música, volveu demostrar que poucas cidades galegas hai, senón ningunha, cunha escena musical emerxente de tanta calidade. Tanto público como xurado destacaron o gran nivel desta segunda edición que concluíu coa vitoria de Thee Blind Crows, a banda elixida polo xurado profesional, e do cantautor Gonzalo Arca, que foi o máis votado polo público que enchía o Teatro Principal.

Vortex, un grupo de heavy, rock e metal formado por cinco mozos moi novos, foi o encargado de dar comezo ás actuacións deste Fest 2013. E iso notouse. Malia que musicalmente mantiveron a calidade á que están afeitos nos seus concertos, a fría recepción dun público que aínda estaba ocupando os seus asentos, prexudicou as súas posibilidades. En todo caso, demostraron que son unha formación cun gran futuro por diante.

A continuación foi a quenda de Voltage, un trío de rock duro, que non puido realizar a súa actuación como eles previran, debido a problemas técnicos; de Turbolaser, unha banda de Vilagarcía de Arousa que foron os únicos que apostaron por un estilo próximo ao indie pop, sendo moi aplaudidos polo público; e The Flying Carpet, un grupo de blues e rock psicodélico cuxa cantante intentou animar a un público certamente apático nalgúns momentos.

Pasado o ecuador do concurso chegaba a quenda de Thee Blind Crows, quizá o grupo cunha maior bagaxe de todos os que participaron no Fest 2013. Desbordaron calidade durante unha actuación na que presentaron varios dos temas do seu primeiro disco, Too blues to be punk, too punk to be blues. E este dúo pontevedrés, que leva facendo garage blues punk desde 2008, namoraron ao xurado, que lles premiou coa grabación dun videoclip valorado en 1.000 euros.

Moi aplaudidos polo público foron tamén Nagai, unha banda composta por músicos naturais de Pontevedra e Marín, cuxa aposta por un blues fusionado con elementos do jazz, funky ou o rock progresivo, gustou moito no Teatro Principal; ou a banda de metal/hardcore de Arcade, Kaootic, cuxa enerxía non deixou indiferente a ninguén durante os quince minutos, o mesmo tempo que o resto, que durou a súa actuación.

O último en actuar foi o único solista do Fest 2013, o vilagarciano Gonzalo Arca. Ataviado tan só coa súa guitarra acústica e unha voz desgarrada, encandeou ao público con cancións cun marcado estilo blues e rock. Especialmente coa última que interpretou, I Like Your Face, coa que puxo en pé ao Teatro Principal. Foi o máis votado polo público, polo que será o protagonista do concerto co que, o próximo 18 de maio, concluirá Noites Abertas 2013.

Durante este Fest 2013, mentres se recontaban os votos do público e o xurado finalizaba as súas deliberacións, The Grave Dolls, gañadores o ano pasado, estrearon por primeira vez en directo as cancións do seu primeiro disco, Calypso, un traballo que puideron gravar grazas ao recoñecemento logrado no último Fest e unha intensa campaña de crowfunding, que lles permitiu reunir os fondos para sufragar o custo de produción”

Grazas Alejandro pola túa crónica!!