Correspondentes Universitarios/as 2021/22

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, en colaboración coas universidades de Vigo, A Coruña e de Santiago de Compostela, abre o prazo de inscrición no programa Correspondentes Universitarios/as, que promove a difusión de programas, accións e iniciativas da Xunta de Galicia enfocadas cara á mocidade, así como doutra información de interese para este colectivo.

Os/as estudantes que queirades formar parte desta iniciativa podedes inscribirvos ata o 12 de novembro mediante este formulario electrónico.

Os requisitos do programa son: manter a condición de estudante dalgunha das titulacións das tres universidades durante o curso 2021/22, ter un máximo de 30 anos no momento da solicitude e cumprir as condicións específicas de cada universidade para o recoñecemento de créditos.

As túas funcións como correspondente serán:
– Difundir información de interese entre o alumnado da túa universidade.
– Colaborar cos centros na difusión de información relacionada coa situación sociosanitaria derivada da covid-19.
– Xestionar regularmente un taboleiro ou sistema de divulgación.
– Asistir ás reunións de coordinación que se convoquen, así como aos cursos de formación organizados pola Dirección Xeral ou as universidades.

Os beneficios das voluntarias e voluntarios son:
– Recibir información xuvenil de interese.
– Recibir formación gratuíta en materia de xuventude.
– Recibir o recoñecemento do tempo adicado a estas funcións como persoas voluntarias a través dun Certificado de experiencia de educación non formal en materia de Xuventude
– Obter o carné de alberguista durante o curso no que estedes inscritos/as.
– Participar gratuitamente durante unha fin de semana nun encontro autonómico de correspondentes (incluíndo o aloxamento, a mantenza e a programación de actividades), sempre e cando a situación sanitaria da covid-19 o permita.

Recoñecemento en ECTS
– A USC expedirá unha certificación aos seus estudantes que acredite a participación no programa Correspondentes Universitarios para a solicitude de créditos, ata un máximo de 3 ECTS unha vez completado o protocolo por ela establecido.
– A UDC expedirá unha certificación aos seus estudantes que acredite a participación no programa Correspondentes Universitarios para a solicitude de créditos, ata un máximo de 3 ECTS, coa correspondencia de 1 ECTS por cada 10 horas, por participación en actividades universitarias.
– A universidade de Vigo convalidará ao seu alumnado o tempo de participación no programa por créditos ata un máximo de 6 ECTS, coa correspondencia de 30 horas por cada ECTS, a partir do certificado expedido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Toda a información do programa na convocatoria

FORMULARIO DE PARTICIPACIÓN